Sunday 19 de May de 2024

A Xunta executa as obras de reforma das beirarrúas da avenida do Rocío que complementan o proxecto de humanización da travesía de Outes


O proxecto conta cun orzamento de preto de 50.000 euros e afecta a un tramo de 360 metros nas beiras da estrada AC-550
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, está a executar un proxecto valorado en preto de 50.000 euros para a renovación das beirarrúas da marxe esquerda da avenida do Rocío, en Outes, nas beiras da estrada autonómica AC-550.

Esta actuación consiste na demolición das actuais beirarrúas nun tramo de 360 metros de lonxitude, que se atopan deterioradas polo paso do tempo e que mesmo poden provocar caídas para o tránsito peonil. As novas baldosas serán de formigón vibrado de 60 por 40 centímetros sobre cama de zahorra e cemento. Ademais, tamén se contempla a construción de seis pozos de rexistro para o saneamento existente.

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou as obras acompañado pola alcaldesa de Outes, Beatriz Molinos, e puxo de manifesto que esta actuación ven a complementar a realizada en 2016 e 2017, onde a Consellería de Infraestruturas investiu máis de 670.000 euros para a humanización da travesía principal desta localidade.

Rodeiro destacou que “con estas actuacións estase a lograr que a travesía de Outes sexa máis accesible e máis cómoda para todos os usuarios, grazas ao reordenamento dos espazos destinado ao tráfico rodado e a beirarrúas, que contan coas dimensións recomendadas pola normativa vixente en materia de accesibilidade”.

O proxecto realizado en 2016 e 2017 tamén reforzou a seguridade viaria, realizándose melloras en varias interseccións, con semiglorietas que permiten dous cambios de sentido, coa construción de carrís centrais de espera e a extensión dun novo firme. Ademais, executouse a renovación das redes de abastecemento, saneamento, pluviais, alumeado e semáforos e a ampliación das beirarrúas da ponte sobre o río Tines para embelecido da estrutura, mediante colocación de voladizo metálico e pavimento de madeira.